Thursday 02 de May de 2024

A Xunta redobra o seu apoio ao sector da música da verbena coa celebración de sete festivais con 50 orquestas dentro do Xacobeo 21-22


— O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e os presidentes da Asociación Galega de Orquestras, Manuel Ángel Fariña, e da Asociación de Empresarios da Música da Verbena Galega, Alberto Dopico, presentaron hoxe este programa intensivo

— Os concertos, gratuítos e con capacidade para 1000 persoas en cada caso, celebraranse este sábado 25 en Narón e Santiago de Compostela e o domingo 26 na Coruña, Ourense, Pontevedra e Vigo, ademais de na área de Lugo nunha data próxima

— Esta nova iniciativa insírese na ampliación ata os 1,24M€ do convenio asinado en xullo, cifra que supón máis do triplo da dotación inicial

A Xunta de Galicia intensifica o seu apoio ao sector da música de verbena coa organización de sete festivais nos que actuarán 50 coñecidas orquestras galegas e que terán lugar durante esta fin de semana na Coruña, Narón, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, ademais de na área de Lugo nunha data próxima que será confirmada nos vindeiros días. Este circuíto intensivo enmárcase dentro da programación do Xacobeo 21-22, ao tempo que supón un importante reforzo da axuda económica que as empresas deste ámbito veñen recibindo por parte do Goberno galego para lles facer fronte aos efectos da crise sanitaria.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e os presidentes da Asociación Galega de Orquestras (AGO), Manuel Ángel Fariña, e da Asociación de Empresarios da Música da Verbena Galega (Asevega), Alberto Dopico, presentaron hoxe esta programación, deseñada conxuntamente durante as reunións periódicas mantidas co sector para reforzar o convenio inicial, asinado o pasado mes de xullo co obxectivo de contribuír á reactivación da actividade e ao mantemento do emprego.

Investimento de 1,24M€
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade avanzou a ampliación deste acordo de xeito que se incrementará en máis do triplo a dotación inicial de 400.000 euros ata chegar aos 1,24 millóns de euros. Desta nova inxección económica de 840.000 euros, 700.000 destínanse á organización dos devanditos festivais, mentres que os 140.000 restantes supoñen un aumento do crédito para fomentar a contratación de orquestras de verbena por parte doutras entidades mediante a subvención do 40% do custo dos cachés.

Ademais, lembrou que os festivais que se presentan hoxe veñen sumarse ás máis de 100 actuacións de orquestras de verbena programadas desde mediados de xuño e ata finais de ano ao abeiro do convenio orixinal. Ademais, enmarcou esta nova inxección económica no apoio que o sector vén recibindo desde 2020 por parte de diferentes departamentos da Xunta, co obxectivo de paliar os efectos negativos da pandemia e en atención á súa importancia tanto social como económica.

“Na Xunta comprendemos e compartimos a súa preocupación”, afirmou Sutil en referencia ao impacto da crise sanitaria neste ámbito, ao tempo que sinalou que se trata dun “colectivo altamente cualificado e profesionalizado, que forma parte esencial da maneira de entender calquera celebración festiva e de ocio en Galicia, a través da oferta duns espectáculos completos, nos que participan diversidade de oficios e que proxectan unha elevada calidade artística”.

Capacidade para 1000 persoas de pé
Cada un dos festivais que se desenvolverá o sábado 25 en Narón e Santiago de Compostela, e o domingo 26 na Coruña, Ourense, Pontevedra e Vigo, ademais do que terá lugar proximamente na zona de Lugo, levaranse a cabo en emprazamentos ao aire libre, cunha capacidade máxima para 1000 persoas de pé e con división en sectores para garantir a distancia e o resto de medidas de seguridade. A entrada será gratuíta, previa reserva na web www.woutick.es, e cada unha das orquestras participantes ofrecerá cadanseu concerto duns 45 minutos de duración. No caso de non esgotarse por esta canle, as localidades dispoñibles poderán ser retiradas no propio acceso aos recintos.

O circuíto arrancará ás 18,00 h. do sábado 25 en Narón e en Santiago de Compostela. No polígono naronés Río do Pozo actuarán as orquestras Los Satélites, Fania Blanco Show, Principal, Los Españoles, La Favorita, Tania Veiras e Finisterre, mentres que a Cidade da Cultura de Galicia recibirá a París de Noia Show, Gran Parada, Capitol, Metrópolis, Atrévete, Galilea e Puzzle.

En canto aos catro festivais do domingo, que comezarán a partir das 17,00 h. en todos os casos, o recinto da Autoridade Portuaria da Coruña próximo ao Palexco acollerá as orquestras Cinema, Deluxxe, Eureka, Essencia, Dilema, Stereo e Charleston. Na explanada de Expourense actuarán América, Claxxon, Gran Casino, La Ola Adn, Unión y Fuerza, Grupo Ritmo e Acordes, mentres que o evento de Pontevedra terá lugar no exterior do Pazo da Cultura con Marbella, La Oca, Triunfo, Televisión, Samba, América SL e Fama. Por último, o Peirao de Transatlánticos de Vigo será o escenario para os concertos de Solara, Los Player´s, Aramio, Estrellamar, M3, Ritmo Joven e Magos.

No caso da área de Lugo, cuxa data se confirmará nos próximos días, están programadas as actuacións de Costa Dorada, Arizona, Suavecito, Salsarena, Alma Latina, Lume, Tapyoka e Limón.

Primeira comunidade con axudas específicas
A Xunta foi a primeira administración autonómica en adxudicar axudas específicas ao sector da música de verbena, no marco dun compromiso continuado que se vén plasmando en numerosas xuntanzas para a articulación das diferentes liñas de colaboración.
Ademais do devandito convenio, asinado como parte do Plan de reactivación cultural, destaca tamén entre estas vías de apoio o programa de subvencións a orquestras publicado en outubro de 2020, mediante o que se adxudicaron a través de Turismo de Galicia 1.079.000 € a 51 empresas. Así mesmo, o pasado mes de abril a Xunta abriu a convocatoria de axudas para traballadores estacionais de orquestras e espectáculos prexudicados polos peches da covid-19, dotadas con 500.000 €, mentres que en xuño se aprobou o III Plan de Rescate para autónomos e pemes afectados pola crise da covid-19. As orquestras tamén poden beneficiarse deste novo plan ao igual que do previo, aprobado en febreiro.